José Antonio López Graña

16 de maio de 1926 - 12 de xaneiro de 2017
Lugar de Nacemento: San Martín de Lúa, Pol (Lugo)

Foi o primeiro dos catro fillos que tiveron o mestre daquel pobo, D. José Ramón López, e a súa dona, Ramona Graña. Aprobou o ingreso no Bacharelato de Lugo a comezos de xuño de 1936, cursando por libre, -na Escola do seu pai-, os tres primeiros anos e os catro seguintes por Oficial, na cidade lucense. Despois de facer a reválida, estudou Dereito na Facultade da USC, con Dispensa de Escolaridade, e residiu naquela cidade entre marzo ou abril de cada curso, ata licenciarse no ano 1949; volvendo a ela ao incorporarse ao Exército en outubro seguinte para cumprir os seis meses da Milicia Universitaria.

Deuse de alta como avogado en agosto do ano 1951 e residiu -solteiro ata 1958 e casado con Amalita Cedrón dende setembro daquel ano- na vila da Fonsagrada, ata a primavera de 1963; namorado da intelixencia, da xenerosidade, da simpatía, do humor das xentes da vila, do Concello e do Partido. Tanto que seguiu indo desde Lugo, onde fixara a súa residencia,  moitos fins de semana, ata 1991. E aínda hoxe é o membro nº 1 da Sociedade de Caza e Pesca,  que axudou a fundar alá por 1973, co Coto Privado de Caza nº 2 da provincia. (A caza era o deporte rei, da comarca, no outono e o inverno; seguido da pesca na primavera e do tiro ao prato, no verán).

Proclamado –polo artigo 29, como recordaban daquela, da Lei Electoral de 1908-, Decano do ICA Provincial ao falecer no ano 2000 o que o era daquela, D. José Núñez Torrón, con quen estaba de Vicedecano-; estivo no cargo dez anos, -deles, catro, (o máximo), presidindo o Consello da Avogacía Galega- deixando de selo a finais do ano 2010, en que non se presentou a reelección- tiña 84 anos-, e foi elixido o actual, D. José Félix Mondelo Santos.

Con despacho individual, dedicouse exclusivamente á avogacía; subliñando dela a dureza,  a loita, o traballo, (sempre feito para crítica dos compañeiros e a censura dos xuíces), a soidade... Pola contra, do Decanato, recorda as discusións francas cos compañeiros da Xunta de Goberno; o esforzo de todos e cada un deles, nas súas Comisións; a comprensión de todo o Ica nas Asambleas. Do CAG, a amizade, o talento, a elegancia dos outros seis Decanos e a súa fina ironía. Dos Consellos Xerais da Avogacía, a facilidade da relación; a “piña” dos cataláns; o predominio de certos núcleos ante algúns relatorios, o pouco caso que os parlamentarios facían das propostas da Comisión de Estudos... (da que formaba parte).

Puntualmente, colaborou na elaboración do Libro Branco da Xustiza de Galicia, de 2008; na Mesa Redonda do 12 de xullo de 2006 na Escola de Verán do Poder Xudicial, criticando a falta de respecto dos oíntes, cos avogados; no Congreso de Dereito Civil de Galicia, grazas ao cal se incorporou á LDCG a figura dos Montes Abertáis... No demais, só dicía que cumpriu coas súas obrigas.

É unha iniciativa de Brandán Comunicación e o Colectivo Egeria destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, e que doutro xeito non tería acceso a elas.

ENTRAR

Contacta

  • Brandán Comunicación
    Colectivo Egeria
    C/Montero Ríos, 60-62 - 1ºD

    27002 - Lugo (Spain)

  • +34 676 456 461
  • correo@egeria.gal