Xosé Manuel Carballo Ferreiro
Cura rural, escritor, ilusionista, humorista, animador cultural e social.
Data de Nacemento: En 1944
Lugar de Nacemento: Castro de Rei (Lugo)
Currículum
Ingresa no seminario da Diocese de Mondoñedo en 1954. Alí realiza os seus estudios sacerdotais e é ordenado sacerdote en Vilanova de Lourenzá, onde exercía como formador no seu Seminario en 1966. Posteriormente pasa como formador ó Seminario de Mondoñedo, despois de facer un curso en Madrid orientado a educadores de seminarios. En setembro de 1973 é nomeado, a petición propia, cura de Castro de Rei, Azúmara e Ramil, parroquias ás que se irían sumando Goberno, Balmonte e Santa Locaia. Co seu impulso e a colaboración dos fregueses fóronse restaurando as igrexas de todas estas parroquias, ademais doutro tipo de obras comunitarias como reelectrificacións e concentracións parcelarias. Desde o momento no que se abre o colexio público “Ramón Falcón” de Castro de Rei imparte clases de relixión e colabora nas distintas actividades culturais e recreativas extraescolares. Desde 1985 forma parte do Equipo de Delegados de Catequese de Galicia e da Diocese de Mondoñedo, colaborando eficazmente co uso normal do galego nas catequeses de nenos, mozos, e adultos, elaborando ou traducindo ó galego materias en conxunción cos delegados das distintas dioceses galegas.
Obras realizadas
Como escritor, é autor teatral de O Menciñeiro á Forza, Bo Nadal, Recobrou o sorriso o Eleuterio, Auto de Nadal, Dous vellos e unha soa soidade en colaboración con Marica Campo, Vaise pechar outra casa máis en colaboración con Xulio Pita e Unha noite de Ruada con Samarita Canto. Ademais de escribir teatro dirixiu e dirixe varios grupos, substituíndo, se é preciso, a algún actor. En narrativa escribiu Parábolas Chairegas, Don Otto de viaxe pola Chaira, Celestino Racamonde e Contrato nulo. No campo relixioso, escribiu os textos e dirixiu os dous vídeos: Seguir a Xesús e Este é o meu Fillo. Ó longo de case tres anos colaborou no xornal “El Progreso” e na revista Irimia. Na radio colabora semanalmente desde hai máis de vinte anos con Cope de Lugo, Radio Nacional de España en Coruña, Radio Galega, Radio Principal de Vilalba e Monforte e Cope de Vilalba. En televisión tivo un programa semanal durante tres anos nos comezos da Televisión de Lugo. Tódalas súas colaboracións foron e son en galego, do que é amante e impulsor, incluso no terreo estrictamente relixioso. Por esa razón, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia pediulle que presidise unha comisión de impulso e normalización do uso do galego nas áreas de relixión, servicios sociais e inmigrantes. Desde 1963 ten realizado ó redor de catro mil actuacións de maxia ou ilusionismo por toda Galicia e fóra de Galicia. Ademais, é animador e mestre de magos e “padriño” do Colectivo Máxico Waldemar de Lugo. Tanto no campo da narrativa coma no do xornalismo ten gañados varios premios literarios.
Outros datos de interese
A súa inquietude social levouno a ser concelleiro independente en Castro de Rei na primeira lexislatura democrática e a ser un dos fundadores do desaparecido SILGA (Sindicato Independente Labrego Galego). Son moi numerosas as iniciativas culturais e sociais postas en marcha por X.M. Carballo e as colaboracións con grupos e entidades da Terra Cha e da Provincia de Lugo, por iso a Asociación da Prensa nomeouno “Lucense do Ano” en 1992. En atención á súa entrega, o Concello de Castro de Rei acordou por unanimidade, a petición da alcaldía e de colectivos culturais e persoas individuais, concederlle o título de “fillo predilecto” en decembro do 2004. Son moitos os pregóns pronunciados en eventos tan distintos coma o Antroido no Concello de Lugo, ou a novena da Gracia na parroquia de San Francisco Xavier, a festa da música e da Árbore en Mondoñedo, ou a Malla na “Finca Galea”. En 2015, 200 amigos e amigas rendéronlle un homenaxe publicando na súa honra o libro CERNA DE CARBALLO.