Ángel Carreira
Categoría: Xornalista
Data de Nacemento: 1980
Lugar de Nacemento: Lugo
Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Salamanca.
Dende 2006, está vinculado a Antena 3 Televisión, onde exerceu como reporteiro da delegación de Galicia, redactor e presentador de 'Las Noticias de la Mañana' e redactor da área internacional, ocupación que desempeña actualmente.
Ademáis, é membro da xunta directiva do Clube de Xornalistas Galegos en Madrid.
Ángel Carreira soubo a qué quería adicarse cando ós 13 anos participou nun programa de radio escolar en Radio Lugo. Esa primeira achega ó mundo da comunicación abriu as portas dunha profesión a un neno con ansias de coñecer e experimentar o funcionamento dos medios informativos. Aínda recorda cando, dende o salón da súa casa, viu a primeira emisión, en probas, da incipiente televisión local. Pouco despois cumpliría o seu soño de sumarse ó equipo de Televisión Lugo. Chegou da man de Isidoro Rodríguez, para colaborar na presentación do programa “A carón da lúa”. Redactou as súas primeiras novas para o informativo mentres remataba os seus estudos no instituto.
Durante esa etapa aprendeu, según Xulio Xiz, director de Televisión Lugo, “a xogar traballando, ou o que é o mesmo, a traballar xogando”. Xunto a Carlos Rodríguez, o outro pioneiro da televisión lucense, descubriu que o audiovisual é o medio que máis lle fascina. Por iso, cando decidiu formarse en Salamanca matriculouse en Comunicación Audiovisual. Na cidade castelá coñeceu por fin o xornalismo escrito. E non o defraudou. As súas prácticas en 'La Gaceta de Salamanca' prolongáronse durante máis de dous anos. Tamén se achegou ó mundo da radio na emisora local da Cadena SER e na emisora independente 'Radio Espacio'.
Na súa paixón polos medios influiu tamén o primeiro verán que pasou en Madrid, de prácticas no 'Telediario 3' de Televisión Española. De aí, a casualidade levouno a Antena 3 Televisión e de volta, a Galicia. Na delegación de Santiago de Compostela comezou a súa carreira na televisión de ámbito nacional. En 2007 regresa a Madrid onde se incorpora ó equipo de 'Las Noticias de la Mañana'. Pouco despois convírtese no presentador suplente da cadea e dá os bos días ós espectadores sustituíndo ó seu colega e paisano Luis Fraga en numerosas ocasións. A finais de 2010, Indira García, xefa da área de información internacional de Antena 3 Noticias, fíchao para o seu equipo de redactores para os informativos de máxima audiencia: as edicións das 15h e as 21h. A súa primeira viaxe lévao a un destino que cambiou para sempre a visión sobre o mundo islámico: Túnez. Alí cobre o estalido da primavera árabe e a caída de Ben Alí. O “efecto contaxio” da Revolución dos Xazmíns arrástrao a Exipto. En plena praza Tahrir emociónase co que ve, e coa oportunidade de poder contalo.