Orfeón Lucense
O Orfeón Lucense foi fundado a finais do século XIX polo compositor galego Xoán Montes, que foi o seu director durante moitos anos.
O actual Orfeón Lucense reestruturouse en 1982 grazas á iniciativa de José Castiñeira Pardo, Mestre de Capela da Catedral de Lugo, que tamén creou, co patrocinio da Deputación Provincial lucense, a Escola de Canto que agora leva o seu nome e que é impulsada polo Orfeón.
No ano 1989 faise cargo da dirección Nemesio Gutiérrez González, alumno de José Castiñeira, do que recibiu as súas primeiras leccións de solfexo e canto no Seminario Diocesano de Lugo, onde foi neno cantor e organista da Schola Cantorum, proseguindo a súa formación musical no Conservatorio da Coruña e licenciándose en Musicoloxía pola Universidade de Salamanca.
Nesta nova etapa, o Orfeón, integrado por medio centenar de voces mixtas, participou en numerosos encontros corais, tanto nacionais como internacionais, e en diversas ocasións realizou gravacións para a radio e para TELEVISIÓN LUGO, TELEVISIÓN GALICIA e TELEVISIÓN ESPAÑOLA.
No ano 1992 representou, acompañado pola Banda Municipal de Lugo, a zarzuela galega “ Non chores, Sabeliña”, con texto de Trapero Pardo e música de Gustavo Freire.
En 2007-2008 celebrou o XXV aniversario da súa creación e o CXXVII da creación do primeiro Orfeón Lucense por Xoán Montes.
No 2009, comezou unha decisiva etapa baixo a dirección de Xesús Mato Mato, prestixioso musicólogo e activista musical e social, que transmitiu ao Orfeón a alegría e vivacidade que o caracterizan, cohesionando a formación e fortalecendo a súa vocación de Coro oficial da Catedral lucense, e agrupación senlleira na provincia de Lugo.
Desde 2012 é o seu director Marcos Manuel Fernández Mosquera. Nacido en 1974, é un barítono de magnífica voz e acreditouse como excepcional director que logrou unha conxunción de voces e un nivel musical que enorgullece a todos os que formamos parte -ou formaron parte nalgún momento- do Orfeón Lucense.
O actual director é un "Produto Orfeón Lucense". Entrou na agrupación coral con dezaoito anos (1992), recibindo nel a súa primeira formación musical que completou no Conservatorio de Lugo e na dirección doutras agrupacións da capital lucense. "Produto Orfeón" é, asimesmo, a soprano Noemí Mazoy, que na actualidade actúa nos máis destacados espectáculos da capital de España, e comezou a súa traxectoria, sendo nena, no Orfeón Lucense.