Manuel Regueiro Tenreiro

Categoría: Profesor e escritor
Data de Nacemento: 10 de maio de 1943
Lugar de Nacemento: Perbes (A Coruña).

Cursou os seus estudios primarios no seu pobo natal, Perbes (Miño, A Coruña) e os secundarios no seminario diocesano de Santiago de Compostela. Obtivo o grao de licenciado en Teoloxía e en Filosofía e Letras (sección de filosofía) na Universidade Pontificia de Salamanca. Doutorouse en Filosofía na Universidade Complutense de Madrid.

Foi profesor contratado no Colexio Municipal de "San Esteban de Gormaz" (Soria) e no Colexio "Nuestra Señora Inmaculada” de Armenteros (Salamanca). Exerceu como profesor interino no Colexio "Libre Adoptado y Reconocido de Guijuelo" (adscrito ó Instituto "Fray Luis de León" de Salamanca). Obtén praza como profesor numerario de Filosofía e comeza a exercer como tal no antecitado Colexio de Guijuelo transformado xa en Instituto de Ensino Medio. Impartiu docencia sucesivamente nos institutos públicos “Xoán Montes" de Lugo, "Saturnino Montojo" de Ferrol, "Santiago Basanta Silva" de Vilalba (Lugo) e, finalmente, no Instituto "Anxel Fole" de Lugo, onde foi xefe de departamento e dirixiu a "Aula Aberta de Ética Anxel Fole". Tamén foi profesor invitado na “Escuela de familia” da diocese de Lugo, e do Instituto Teolóxico Compostelano. Xubilouse o 31 de agosto de 2012.

Obras realizadas

Colaborou na publicación dos primeiros libros de texto en lingua galega: 'Introducción á Filosofía' (Galaxia, Vigo, 1979) e 'Historia da Filosofía' (Galaxia, Vigo, 1980). Pertenceu ó consello asesor da revista Encrucillada. Publicou o libro 'Modelo harmónico de relación lingüística: Estudio en Galicia'. (Eurográficas Pichel. Santa Comba -A Coruña, 2001).

No portal Galicia Digital publicou, en galego, tres traballos de clase cos seus alumnos do instituto Ánxel Fole.

Estes traballos/ensaios titúlanse:

1. '19 moz@s de bacharelato estudian a Constitución de 1978';

2. 'O estatuto de Autonomía de Galicia. Cumio dunha historia'; e

3. 'A carta de dereitos fundamentais da Unión Europea'.

Para as clases de cidadanía e ética publicou individualmente os libros de texto: 'Levantar a convivencia'. Ed. Galinova. A Coruña, 2007. 'Maneiras éticas e contexto'. Ed. Galinova. A Coruña, 2008. Xunto co profesor Miguel Ángel Martínez Quintanar publicaron: 'Ser cidadán'. Ed. Galinova. A Coruña, 2010; e 'Saber convivir'. Ed. Galinova, 2011.

Outros datos de interese

É membro de honra do Instituto de Estudios Bercianos e dos Centros Galegos da Habana e Londres. Foi fundador e membro do consello asesor da "Revista Galega de Ensino". Foi o primeiro director do Colexio Municipal de San Esteban de Gormaz (este centro, posteriormente foi transformado en Instituto de Bacharelato), xefe de estudos en Armenteros (na actualidade inactivo por falecemento do fundador), xefe de estudos e vice-director en Guijuelo, secretario e xefe do departamento de filosofía no instituto Xoán Montes, director do Instituto de Vilalba (Lugo). Foi coordenador do seminario interinstitutos de filosofía de Lugo (transformado en 'Grupo Doxa'). Formou parte do Equipo da Reforma Educativa na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Desempeñou os cargos de subdirector xeral de Inspección e Reforma Educativa (curso 1988-89) e de Director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (1989-2000). Así mesmo foi director (6 anos) do 'Centro Ramón Piñeiro' para a Investigación en Humanidades, e promotor do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) na mesma Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Actualmente colabora na sección de Opinión de GaliciaDigital.

 

É unha iniciativa de Brandán Comunicación e o Colectivo Egeria destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, e que doutro xeito non tería acceso a elas.

ENTRAR

Contacta

  • Brandán Comunicación
    Colectivo Egeria
    C/Montero Ríos, 60-62 - 1ºD

    27002 - Lugo (Spain)

  • +34 676 456 461
  • correo@egeria.gal