Centro Cultural José Domínguez Guizán
O Centro Cultural José Domínguez Guizán e o promotor do Belén de Begonte (Lugo), un belén que ten vida propia, no que as figuras están animadas electronicamente e, conxuntamente, conforman unha escena de Belén tradicional axeitado a Galicia, onde os labregos cultivan a terra, os pastores atenden o gando, os carpinteiros carpentean e os pescadores pescan.
Todo para mellor escenificar, representar, unha imaxe que ten tanto de inocencia como de técnica, de fe como de respecto á tradición. No decurso dos anos o Belén foi medrando, ocupando toda a planta baixa do local onde está instalado, e cada ano sofre fonda transformación para que os que acoden tódolos anos a velo -que son moitísimos- teñan sempre novidades que ver e que contar.
Desde hai uns anos, na sala inmediata ó Belén está montado o Museo do Belén, onde se van incorporando en cada edición os edificios, as figuras e os conxuntos animados que cada ano van sendo renovados na instalación.